Saturday 27 de April de 2024

Videpodcast feminista en directo desde A Fábrica, o sábado 11 de marzo


O sábado 11 de marzo, no marco de actividades para a conmemoración do 8M, Día Internacional das Mulleres, este ano baixo o lema “Semente de vencer” realizarase ás 19:30 h en directo desde A Fábrica de Oleiros un videopodcast en directo da man de Histérikas histórikas (@histerikashistorikas), coa colaboración das xornalistas e escritoras Anna Pacheco (@annapacheco ) e Mara Mariño (@meetingmara). A entrada é libre e gratuíta.

Histérikas Histórikas é un programa de videopodcast premiado recentemente como programa Revelación nos premios Youtubeiras por achegar contidos con perspectiva de xénero á cidadanía dun xeito innovador, divertido, ameno e fresco. Con el, búscase contribuír á construción da igualdade entre mulleres e homes, achegando referentes femininas en diversos campos, facendo visibles as súas obras e analizando a actualidade desde un enfoque feminista.

A equipa de Histérikas Histórikas está conformada por Priscila Retamozo (politóloga experta en igualdade de xénero e presentadora do programa), Amara Pérez Davila (experta en xénero e responsable da sección audiovisual e literaria) e Lucía Salgueiro Vázquez (artista e activista feminista, presenta a súa sección humorística “La zorra que todo lo sabe” na que analiza o machismo cotiá da nosa sociedade utilizando o humor como ferramenta de transformación).